mércores, 16 de abril de 2014

A illa da lagoa de Innisfree.

Cada día soño coa illa da lagoa de Innisfree... ou se cadra é a lagoa de Fonmiñá, alí onde abrolla o Pai Miño. Hai quen di que as fontes do río non son tal, senón que están no Pedregal de Irimia. Tanto ten. Cada noite soño coa illa da lagoa de Innisfree.


A illa da lagoa de Innisfree. W. B. Yeats.

Heime erguer e botar a andar, e irei cara Innisfree,
construirei alí unha casoupa, feita en barro e silveiras;
nove regos de fréxales hei ter, unha cortiza para o mel,
e vivirei senlleiro ao arrolo do seu fungar.

E alí atoparei algo de paz, a paz que da quietude vai pingando,
esvarando desde as sedas do abrente ata onde os grilos cantan;
alí a noite pecha é toda diáfana, o mediodía un esplendor purpúreo
e a bocanoite chea de ás de liñaceiros.

Heime erguer e botar a andar, noite e día,
sinto a auga da lagoa chapicar mainiño contra a ribeira;
namentres eu fico en pé na estrada, ou no asfalto gris,
síntoa na cerna profunda da alma.

(Tradución de María Carreira)


 The Lake Isle of Innisfree read by Yeats.


 Lagoa de Fonmiñá. (Fotografía tirada de www.galiciaunica.es)




Pedregal de Irimia. (Fotografía tirada de www.culturagalega.org)