luns, 12 de novembro de 2012

CUESTIÓNS SOBRE A LIBERDADE E O MEDO


Onte no Ateneu Popular de Nou Barris a  arquicoñecida Teresa Forcades falaba sobre a liberdade e a solidariedade. Das inxentes e interesantes cousas sobre as que disertou foi sobre a preocupante extensión do concepto liberal tan repetido:“a liberdade individual chega ata onde comeza a dos demais”. Esta concepción nefasta fai que percibamos ao próximo coma un rival, coma un inimigo que está a limitar a nosa liberdade. A monxa confesou preferir o principio anarquista que reza que “é imposible a liberdade propia sen que a posúan tamén os que nos rodean”. Entre outras cousas tamén avogou porque o debate sobre o déficit fiscal de Catalunya non sexa utilizado para tapar o déficit social, moi superior ao resto do Estado. Frase salientable respecto deste tema: “No vull una Catalunya governada per La Caixa”. Tamén falou sobre asuntos como a alienación da capacidade de traballo do individuo e sobre a teoría do darwinismo social de Máximo Sandín, teoría que na Taberna non coñeciamos e que prometemos comentar noutro post.

Ada Colau da Plataforma de Afectats per la Hipoteca tamén emocionou á audiencia cun discurso cheo de humanidade. Lembrounos que a solidariedade é a chave tanto para manter a loita como para estabelecer unha rede alternativa de apoios cidadáns. Esta é a única táboa de salvación destas familias abafadas polas débedas, pero sobre todo por unha presión social e mediática tremenda que condena o feito de devir “pobre”, algo que lle pode pasar a calquera asalariada ou asalariado.

Elena Idoate, economista, que viña en representación do Seminario Taifa, tamén fixo unha intervención moi suxerente na que animaba ao público asistente a pensar que sí hai alternativas as políticas económicas que nos están a impoñer e que, en última instancia, nós, os cidadáns, temos moito que dicir e moito que facer.

Tamén se achegaron ao acto moitos outros grupos en apoio á Folga de Fame dos traballadores de Telefónica, que hoxe levan xa 8 días.

http://huelgadehambreentelefonica.blogspot.com.es/