sábado, 20 de outubro de 2012

Llibres, llibres, llibres!!! ... i idees.

Estou encantada!

Veño de escoita-lo segundo programa "Llibres i idees", conducido por Gemma Nadal e no que teño a oportunidade de colaborar como contertulia,  na sección "Tres cafès", xunto con Elisabet Gimeno e a propia Gemma. Todo e que o meu català é bastante exiguo e limitadiño, as miñas compañeiras compensan abondo esta falla miña e propician que sentir o programa sexa unha experiencia dinámica e rica para os libro-adictos.

"Llibres i idees" consta de dúas seccións. A primeira parte, "La navalla d'Occam", consiste nunha diálogo con Félix Eroles, licenciado en Filosofia e master en varias disciplinas, quen debate con Gemma Nadal sobre libros e temas relacionados coa filosofía, coa socioloxía e co mundo actual, dende unha perspectiva crítica e intelectual que fai desta sección, unha "rara e preciosa avis". Recoméndovolo encarecidamente.

A segunda parte é "Tres cafès", que se orixinou na facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona, onde as tres comenzamos a compartir andanzas e expedicións pola literatura e, algunha que outra, polos camiños da vida. A iniciativa de Gemma, que tanto Elisabet coma eu acollimos con entusiasmo, de falar de libros (agora en público) puido cristalizar grazas aos recursos que nos fornece o Ateneu Roig de Gràcia.

E na súa páxina é onde atoparedes o programa:

Llibres i idees - 1
La navalla d'Occam: Les lleis de l'estupidesa humana de C. M. Cipolla.
Tres cafès: Novel·la negra escrita per dones.
http://www.mixcloud.com/RadioRoig/llibres-i-idees-01/

Llibres i idees - 2
La Doctrina de Shock de Naomi Klein  / Ciutats literàries
http://www.mixcloud.com/RadioRoig/llibres-i-idees-02/

Na taberna, hoxe, queremos oferecer un brinde pola longa vida dos libros e das ideas, nesta época escura.

Salut, Llibres i idees!

luns, 15 de outubro de 2012

Galegofobia en La Vanguardia

Hoxe, nunha crítica de TV no xornal La Vanguardia, o señor crítico dicía algo así como "Mariano el Recorto Rajoy, el presidente más gallego del estado español" (non o lembro exactamente, ou, como diría Don Quijote, non o quero lembrar). ¿Este crítico estará a usar "gallego" co mesmo ton que a inefable Rosa Díez?

É este un periódico moi dado á chanza ou á descualificación con todo aquilo que lles cheira a galego. Seméllame incrible, en Catalunya, nun país que dalgún xeito está irmandado con Galiza e Euskalherria, en canto que nacións sen estado. Hai pouco sentinme na obriga de contestar as parvalladas dun gurú chamado Niño-Becerra, quen, ao parecer, para defender Catalunya precisa de atacar Galiza. Mesmo o President da Generalitat, Artur Mas, dixo un día non moi lonxano que hai nenos galegos e andaluces aos que non se lles entende ben o que falan.

Por non mencionar o trato que se está a facer nos medios das eleccións en Galiza. Só vexo caras do PP. E despois estráñanse que gañen sempre os mesmos... pero, imos ver: quen ten os cartos e os medios? Xa se viu en Grecia, cómo vai isto da democracia, todo e que foi fundada acolá... non en Galiza.

Tamén hai unha noticia feliz dunha representación de "Luces de Bohemia" na Biblioteca de Catalunya, pero de Valle-Inclán xa non se menta a súa orixe, agora non convén. POIS SI, SEÑORES FACHAS, TAMÉN ERA GALEGO.

Retallos (mentais), mentiras, precariedade, pobreza (mental). E aos paspalláns téñennos divididos entre Barça ou Madrid.

Eu decido manterme na ilusión e na ledicia e, como chanza en vaivén, adicarlles a toda esta tropa o Antigo Himno de Galiza ;-)) ¡VISCA CATALUNYA!



  SAÚDE AOS CEIBES.