sábado, 20 de agosto de 2011

Perdón por... ¿¿BRINDAR??


Polo visto, as inquinas e as intrigas na corte imperial romana obrigaron aos máis poderosos a instaurar nas celebracións que incluían libacións a práctica de entrechocar as copas para que o líquido de ambas se mesturara, co fin de garantir que ninguén pretendía enveleñar a ninguén. Esta praxe espallouse polas clases menos privilexiadas e, con ese delongamento, perdeu a connotación de receo. Hogano podemos afirmar que o exercicio do brindis é unha manifestación de boa vontade, complacencia, e mesmo de boa educación.

A palabra brindis vén do alemán "bring dich" que significa "ofrézocho". Ofrenda a quen con nós bebe para acadar a súa aquiescencia; rito que reverbera na memoria da humanidade dende o Neolítico.

Esta semana non nos quedou máis remedio que soportar o espectáculo das desculpas que os peperos supranacionais demandaban á súa parroquia porque un dirixente do partido en Donosti brindou co alcalde de Bildu.

Ultimamente teño a sensación de que vivimos no mundo ao revés. A xente honesta, devaluada. Estes pillos, facendo o agosto (nunca mellor dito). Fáltanos ver que algún destes ilustres señores pida perdón, por exemplo, polos casos de corrupción que protagonizan ELES, e non o alcalde de Bildu, escollido polo seu pobo, por máis que lles doa.

Sorte que a corrupción, tomando de referencia os procesos naturais, é sinónimo de descomposición, estadio previo á disolución.

Dende a taberna, elevamos as nosas copas de viño agardando que os deuses lles sexan propicios a aqueles que son quen de brindar, aínda sen ter os elementos a favor. ¡SAÚDE CONVOSCO!

venres, 19 de agosto de 2011

Maruja Mallo porque si.



A lectura dun post no "Kuaderno de la niña problemas", da miña amiga Elisabet, sobre a exposición "Heroínas" trouxo á miña memoria os fermosos cadros de Maruja Mallo. O outro día consultei o catálogo e aledoume moito constatar a presencia alí desta pintora de orixe luguesa.

Sen ser experta en arte, a calidade desta artista é indiscutible. E, sen embargo, moi pouca xente podería nomeala entre as pintoras e os pintores máis representativos do século XX español. ¡Mesmo tivo o honor de ser expulsada formalmente do surrealismo! Pero... ¿realmente alguén pode nomear algunha muller nesta categoría? Rescatemos a estas mulleres do esquecemento, louvemos as obras daquelas que se mollaron de verdade, falemos das silenciadas e silenciados polo franquismo, acollamos aos que foron exiliados. A súa rebeldía explicítase na composición na que denuncia o poder das sotanas en España ¡aínda hoxe é ben actual! Temos ao Papa de Roma ocupando a Porta do Sol, e a policía cargando contra os partidarios do laicismo.



Hoxe, na taberna, penduramos na parede un cadro exquisito: "La sorpresa del trigo" (1936). E debaixo engadimos as verbas que Lorca (unha chiscadela para Elisabet) dedicou a Maruja.




"Maruja Mallo, entre Verbena y Espantajo toda la belleza del mundo cabe dentro del ojo, sus cuadros son los que he visto pintados con más imaginación, emoción y sensualidad."
Federico García Lorca